Saturday 04 de May de 2024

Gonzalo Muíños, Míriam Louzao e María Rozas presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario no parking do CHUS


Os grupos do BNG, PSdeG e CA anunciaron a presentación dunha moción ao Pleno de novembro para demandarlle á Xunta que asuma a súa competencia e realice o investimento necesario para ordenar a mobilidade no recinto do CHUS e crear novas prazas de aparcadoiro.

Así o portavoz do PSdeG-PSOE, Gonzalo Muíños, amosouse especialmente crítico coa actitude de Borja Verea, a quen acusou de estar instalado na “autocomplacencia e na defensa do seu partido”, afeándolle que coa súa actitude “esquécese de que se presentou ás municipais para representar a Santiago e non para ser o portavoz da Xunta”. O edil socialista acusou a Verea de “deslealdade cos contribuíntes de Santiago” porque “se por el fose, estarían financiando un aparcadoiro que usaría media Galicia”.

Recorda que o CHUS dá servizo a 46 concellos, incluso fóra da provincia de A Coruña, polo que insiste en que se trata dun equipamento supramunicipal que, ademais, queren situar nunha parcela da exclusiva propiedade da Xunta: “hoxe o Grupo Socialista ponse do lado das veciñas e veciños de Santiago, nunha fronte común para defender os seus intereses e para instar á Xunta a cumprir coa nosa cidade” asegurou o seu portavoz que, recalcou, “o que estamos pedindo é un trato igual ao das demais cidades”.

A portavoz do BNG, Míriam Louzao, explicou en rolda de prensa que a poboación de Santiago representa o 22% do conxunto dos 46 concellos da área sanitaria, o que supón un agravio para a veciñanza compostelá que a Xunta esixa 4,3 millóns de euros cando é algo que lle corresponde asumir á administración galega porque é da súa competencia.

“Presentamos esta moción ao Pleno, co sentir maioritario da veciñanza de Santiago e da área sanitaria, para acabar co caos de tráfico existente no recinto do CHUS e reclamámoslle á Xunta que, dunha vez por todas, asuma a súa competencia e realice o investimento necesario para ordenar a mobilidade no recinto do CHUS e crear novas prazas de aparcadoiro, ademais de buscar unha solución provisional de estacionamento mentres duren as obras de ampliación do CHUS”, explicou.

María Rozas explicou que “o único que lle estamos a pedir á Xunta é que asuma as súas competencias”. Nese sentido, a portavoz municipal de Compostela Aberta lamentou que “teñamos que seguirlle lembrando ao Goberno galego unha obviedade: que o Complexo Universitario de Santiago é un equipamento sanitario de ámbito supramunicipal, que o centro de protonterapia será o centro de referencia para toda Galicia e mesmo para todo o noroeste peninsular, e que o Concello de Santiago non pode asumir os custos que esas dotacións van supoñer en canto á mobilidade e o aparcamento”.

A concelleira de Compostela Aberta reiterou que o CHUS dálle servizo a 46 concellos que suman unha poboación de máis de 450.000 persoas, e Santiago representa o 22% desa cifra, “unha porcentaxe que marca a diferenza con respecto a outras cidades e outros equipamentos sanitarios”. María Rozas insistiu en que “o Concello ofrécelle á Xunta toda a colaboración, pero sen esquecer que o recinto do CHUS é propiedade do SERGAS e a xestión da mobilidade no seu interior correspóndelle á administración autonómica”